Chaparella

Especie de caracteres semellantes ao sargo, do que se diferencia por levar dúas pintas negras: unha sobre o pedúnculo caudal e a outra, de forma triangular, sobre a cabeza. A chaparella é de cor olivácea - dourada, con varias bandas lonxitudinais desa última coloración. As aletas son máis ou menos negras. Pode acadar os 45 centímetros de lonxitude total, aínda que o normal é que mida entre 20 e 25 centímetros. Desova no mes de outubro e as crías abundan na zona de marea, onde forman pequenos bandos mesturándose co sargo. Acada a madurez sexual aos dous anos (17 centímetros).
Vive en fondos penedosos e de area, desde a beiramar ata 50 metros de profundidade. Captúrase sobre todo con trasmallo, palangre, miños, liña etc.
As formas de preparala son similares ao sargo. Tanto ao forno coma ás brasas fan un prato moi apetitoso que encandea tanto aos amantes do peixe coma a aqueles que non o son.
Datos da especie
- Código FAO: CTB
- Nome científico:Diplodus vulgaris
- Nome galego: Chaparella
- Nome castelán: Mojarra
- Grupo biolóxico: Peixes

- Tamaño mínimo:
- Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal