FacebookTwitter

Pescada

Pescada

Posúe unha cabeza e boca grandes con dentes moi afiados. O corpo é longo, de ton gris escuro, cos costados máis claros e ventre abrancazado. A primeira aleta dorsal é máis curta ca a segunda. Normalmente mide entre 40 e 70 centímetros, pero pode chegar ata os 120. Reprodúcese a finais do inverno e na primavera. As femias alcanzan a súa madurez sexual cando acadan os 40 centímetros e a súa fertilidade é maior canto máis medran. Viven nas proximidades dos fondos mariños, entre 30 e 500 metros de profundidade.

A calidade da pescada depende da arte de pesca empregada. A máis apreciada é a capturada con artes de anzol ou palangres e volanta, pois a carne chega menos mallada. Está prohibida a captura e comercialización das crías, coñecidas como cariocas.

É un dos peixes máis usados na nosa cociña. Admite toda canta preparación se lle ocorra, tratándoa sempre con respecto, porque o seu sabor deféndese só: á galega, cunha salsa verde, guisada, rebozada e fritida, ao forno, en pastel..., e se é vostede dos que lles encanta o peixe, colla o cocote e áseo: pasará un agradable momento. En calquera caso ten que estar sempre "no punto": unha pescada excelente, pasada de cocción, convértese nunha pescada mediocre.

Datos da especie

  • Código FAO: HKE
  • Nome científico:Merluccius merluccius
  • Nome galego: Pescada
  • Nome castelán: Merluza
  • Grupo biolóxico: Peixes
Pescada
  • Tamaño mínimo: 27 cm
  • Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal