Ollomol

Peixe de corpo ovalado, co perfil superior da cabeza curvado. O fociño é curto e chato e os ollos grandes e de cor rosácea, igual ca o dorso, mentres que o ventre e os flancos son prateados. Posúe unha mancha negra no inicio da liña lateral, que nos ollomoles pequenos (panchiños) non se atopa. Poden chegar a medir 35 centímetros. Reprodúcense a finais do verán e presenta unha inversión sexual cando alcanza certa idade.
Viven en fondos de lama e cascallo, preto dos cantís rochosos. Os pequenos atópanse en augas pouco profundas (40 metros) mentres que os máis grandes chegan aos 300 metros. É unha especie moi cotizada, a meirande parte das capturas realízanse con palangre e liña.
É un dos peixes máis apreciados na nosa terra. Incluso forma parte de moitos menús típicos do Nadal. Pode preparalo dun xeito habitual pero eficaz: ao forno, con cebolas cortadas en xuliana, un pouco de viño e un pouco de limón... sen esquecer as patacas. Terá un prato sinxelo e exquisito. Os pequenos poden fritirse ou darlles calquera tratamento de peixe miúdo. Outra alternativa é á prancha, con sal, aceite e limón, botándolle, antes de servilo, un rustrido feito ao gusto de cadaquén.
Datos da especie
- Código FAO: SBR
- Nome científico:Pagellus bogaraveo
- Nome galego: Ollomol
- Nome castelán: Besugo
- Grupo biolóxico: Peixes

- Tamaño mínimo: 33 cm
- Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal
Onde atopalos
- Confraría Sindical de Pescadores San Xoán de Redondela
- Confraría de Pescadores "La Anunciada" de Baiona (Lonxa de Baiona)
- Confraría de Pescadores "Nuestra Señora de las Arenas" de Fisterra
- Confraría de Pescadores "San Antonio" de Cambados
- Confraría de Pescadores "San José" de Cangas (Lonxa)
- Confraría de Pescadores "San Martiño" de Bueu
- Confraría de Pescadores Virxen do Carmen de Corcubión
- Confraría de Pescadores de Cedeira
- Confraría de Pescadores de Muros
- Confraría de Pescadores de Portonovo
- Lonxa de A Guarda
- Lonxa de Malpica
- Lonxa de Ribeira, S.L.
- Mar do Morrazo, S.C.G.