FacebookTwitter

Linguado

Linguado

Peixe plano, de corpo asimétrico, boca e ollos pequenos e cabeza redondeada. No lado dos ollos a súa cor é apardazada ou marrón agrisada, con grandes manchas irregulares escuras. Tanto a aleta dorsal como a anal están case unidas á caudal por unha membrana. A liña lateral do linguado é recta e percorre os dous lados do corpo. Pode chegar a medir ata 50 centímetros. Reprodúcese nos meses de inverno e aliméntase pola noite.

Este peixe vive en fondos de area e lama, desde a costa ata 200 metros. Atópase con frecuencia en esteiros. Artesanalmente captúrase con trasmallo e tamén con rascos e miños durante todo o ano.

Este estupendo peixe plano resulta óptimo para pasar pola tixola e ser fritido en aceite non moi quente, dando como resultado unha comida de delicado sabor na que o filete se desespiña con gran facilidade. Tamén pode prepararse á prancha ou ao estilo francés na receita chamada "menier", receita ao forno onde o limón xoga un papel esencial.

Datos da especie

  • Código FAO: SOL
  • Nome científico:Solea solea
  • Nome galego: Linguado
  • Nome castelán: Lenguado europeo
  • Grupo biolóxico: Peixes
Linguado
  • Tamaño mínimo: 24 cm
  • Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal