Choupa

A choupa é un peixe que posúe un corpo oval e compacto, dunha tonalidade gris-azul-prateada, con diferencias entre os máis novos e os adultos . Ten uns dentes pequenos pero moi visibles e numerosos. Pódese confundir co sargo, e para diferencialos podemos fixarnos na lixeira chepa que ten a choupa por detrás da cabeza. Outra diferencia co sargo é que carece da mancha negra que este ten onde nace a aleta pectoral. Pode chegar ós 50 centímetros de lonxitude e ós dous quilos de peso. Reprodúcese de febreiro a marzo (o macho segue á femia e prepara un niño coa aleta caudal para que a femia poña os ovos).
Vive nos fondos con penas, nos garranchos que hai a media profundidade (15-20 m) e non se achega a terra como o sargo. É bastante abundante nas nosas costas e pódese obter ó palangre ou con redes de enmalle.
A choupa entre febreiro e maio posúe o punto adecuado de graxa para poñela á prancha, a lume lento, e unhas pinceladas de aceite de oliva. Tamén, se o tamaño llo permite, pódese asar con tomate, patacas e chícharos nunha cazola de barro, ou facela ó forno con cebola e allo; ou mesmo facerlle uns cortes ó longo do corpo e introducindo neles cachiños de touciño entrefebrado. Tamén se lle pode aplicar calquera das receitas do ollomol ou do sargo.
Datos da especie
- Código FAO: BRB
- Nome científico:Spondyliosoma cantharus
- Nome galego: Choupa
- Nome castelán: Chopa
- Grupo biolóxico: Peixes

- Tamaño mínimo: 23 cm
- Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal
Onde atopalos
- Confraría Sindical de Pescadores San Xoán de Redondela
- Confraría de Pescadores "La Anunciada" de Baiona (Lonxa de Baiona)
- Confraría de Pescadores "Nuestra Señora de las Arenas" de Fisterra
- Confraría de Pescadores "San Antonio" de Cambados
- Confraría de Pescadores "San José" de Cangas (Lonxa)
- Confraría de Pescadores "San Martiño" de Bueu
- Confraría de Pescadores "Virxe do Carmen" de Rianxo
- Confraría de Pescadores San Telmo de Porto do Son
- Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade
- Confraría de Pescadores Virxen do Carmen de Corcubión
- Confraría de Pescadores de Muros
- Confraría de Pescadores de Portonovo
- Confraría de Pescadores de Portosín
- Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol
- Confraría de pescadores "San Cipriano" de Aldán - Hío
- Cíes Artesanais S. Coop. Galega
- Lonxa de A Guarda
- Lonxa de Campelo, A.I.E.
- Lonxa de Malpica
- Lonxa de Ribeira, S.L.
- Mar do Morrazo, S.C.G.