Cangrexo común

O cangrexo común ten unha cuncha hexagonal de cor parda, verde oliva ou verde escura na parte superior e verde tirando a amarela na parte inferior. Posúe cinco pares de patas todas afiadas, a diferenza das nécoras, e o primeiro par remata en dúas poderosas pinzas. É moi vivaz e conserva fóra da auga ¿incluso durante varios días¿ toda a súa enerxía.
Habita as zonas próximas á costa en fondos de area, preferindo a presenza de algas, e pode atoparse tamén en zonas de esteiros de menor salinidade. É abundante, pero fanse escasas capturas por non ter moita saída comercial en Galicia. Captúrase como especie acompañante a outras.
Ten pouca presenza nos fogóns da nosa cociña, pero é un recurso que hai que ter en conta, se non como prato principal, si como magnífico complemento en sopas e arroces. Non obstante, cando está en comida, a carne que se agocha no seu cacho será unha agradable sorpresa.
Datos da especie
- Código FAO: CRG
- Nome científico:Carcinus maenas
- Nome galego: Cangrexo común
- Nome castelán: Cangrejo verde
- Grupo biolóxico: Crustáceos

- Tamaño mínimo:
- Forma de medición: Os braquiuros excepto o boi e a centola, mediranse atendendo á lonxitude do cefalotórax (LCT), sobre a liña mediana que vai desde o espazo interorbital ata o borde posterior do cefalotórax