Agulla

Agulla

Ten unhas queixadas moi aguzadas que acollen uns dentes afiados. Posúe un corpo longo e estreito de cor verdosa con brillos prateados na zona do lombo. A espiña e as escamas teñen tonalidades azuis verdosas moi características. Acada os 75 centímetros. No verán achégase ás costas formando grandes bancos.

Á agulla gústanlle as augas abertas e batidas con riqueza de peixes máis pequenos. O seu prato favorito son as xoubiñas e os pións. É un gran depredador. A agulla péscase nas faenas de cerco e ao curricán. Dispoñible todo o ano. A súa mellor época é entre marzo e agosto.

Estamos diante dun peixe excelente, mal considerado polo aspecto verdoso do seu interior. Por iso, lamentablemente, é pouco habitual encontrala en fresco, malia a súa carne compacta prestarse a multitude de solucións na cociña por un módico prezo. Afumada, tradición que se está recuperando, é un prato exquisito; e nos guisos obtéñense dela sorprendentes resultados. Tamén resulta moi recomendable a empanada de agulla. Simplemente frita é saborosísima. En certas aldeas da Costa da Morte faise en caldeirada, xunto con outros peixes azuis.

Datos da especie

  • Código FAO: GAR
  • Nome científico: Belone belone
  • Nome galego: Agulla
  • Nome castelán: Aguja
  • Grupo biolóxico: Peixes
25 cm

Tamaño mínimo: 25 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal