Lamprea de Mar

Lamprea de Mar

Ten forma de anguía, coa cabeza pouco diferenciada. Os ollos son pequenos e a cada lado do corpo, detrás da cabeza, presenta sete orificios por onde respira. Ten unha pel mucosa e unha boca en forma de ventosa que utiliza para adherirse ás súas presas, ás que parasita. A súa cor na rexión dorsal é marrón amarelada, con manchas escuras, e na parte inferior é de cor agrisada.

Durante os seis primeiros anos de vida viven no río, alimentándose de algas microscópicas, chegando a medir aproximadamente 25 centímetros. Despois diríxense cara ó mar e, pasados dous anos, regresan ó río. A súa reprodución realízana construíndo niños no fondo dos ríos, adheríndose coas súas ventosas ás rochas e entrelazando os seus corpos. Despois de realiza-la posta, os adultos morren. A pesca profesional de lampreas realízase nos esteiros, principalmente na desembocadura do Miño, e faise con redes ou nasas. A tempada da lamprea vai normalmente de xaneiro a abril.

Os romanos xa consideraban este peixe como un exquisito manxar e, aínda na actualidade, é moi apreciado. Conta a lenda que Enrique I morreu por coller unha enchente de lampreas. É este un peixe cun gusto moi forte e indicado para os amantes dos sabores distintos. Trátase dun prato de tempada que admite preparacións aproveitando o seu sangue - á bordelesa - ou ben guisada cun pouco de arroz, que axuda a suaviza-lo seu sabor. Un manxar que vale e a pena probar.

Datos da especie

  • Código FAO: LAU
  • Nome científico: Petromyzon marinus
  • Nome galego: Lamprea de Mar
  • Nome castelán: Lamprea
  • Grupo biolóxico: Peixes

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal

Onde atopalo