Cogombro de mar negro

Cogombro de mar negro
Ilustrador/a: Elisabet García Aires

Desde a baixa intermareal ata aproximadamente 50 m de profundidade, sobre rocas ou pedras, con preferencia por caras verticais. Corpo cilíndrico, nun extremo está a boca e noutro o ano. Na boca ten unha coroa de tentáculos ramificados, amarelos ou negros. Con 3 fileiras de pés ambulacrais na parte ventral, distribuídos irregularmente e con ventosas. Mide ata 25 centímetros de lonxitude, cun ancho de 5 centímetros. Con tubos de Cuvier. Pel non tan recia como a de Holothuria tubulosa, grosa e branda. En xeral de cor negra acastañada, cos ápices das súas numerosas papilas de cor branca, e ás veces con manchas amarelas pola cara inferior. De cor parda ou amarelada na zona ventral. Vive nos fondos areosos e rochosos, así como en pradeiras de algas. No Mediterráneo, pola zona atlántica europea, incluído o sur das costas da zona occidental británica. Profundidade de 3 ata 70 metros. Aliméntase de pequenos organismos que son inxeridos ou absorbidos ao mesmo tempo que a area. A alimentación é sedimentívora, de maneira que inxire grandes cantidades de area e unha vez aproveitada a materia orgánica que contén, expulsa o resto polo ano en forma de cordóns areosos envoltos por unha fina capa de mucosa intestinal. Sexos separados, aínda que non hai dimorfismo sexual (a morfoloxía dos machos e as femias é moi similar). A final do verán realiza migracións para a posta cara a augas superficiais, onde é posible ver a posición típica da posta; os animais ergueitos case do todo. Desta forma lánzanse as células xerminais, en forma de nubeciñas esbrancuxadas, o máis lonxe posible.

Datos da especie

  • Código FAO: WBX
  • Nome científico: Holothuria (=Panningothuria) forskali
  • Nome galego: Cogombro de mar negro
  • Nome castelán: Cohombro negro
  • Grupo biolóxico: Equinodermos

Onde atopalo