Boi

Boi

Este crustáceo ten o corpo ovalado e liso, máis ancho ca longo, de cor marrón vermella. Ten dúas fortes pinzas no seu primeiro par de patas. Non é moi doado distinguir o galego do francés: o noso é máis peludo nas patas e as pinzas teñen máis dentes ca o boi de Francia.

Habita fondos areosos e rochosos, a maior ou menor fondura dependendo do seu tamaño. O seu crecemento é moi lento, polo que é pouco abundante. Acada a madurez sexual aos 5-6 anos. A súa extracción regúlase a través e plans de explotación anuais, nos que se determinan entre outras cousas, os períodos de veda, normalmente entre xuño e novembro. Captúrase principalmente con miños. Tamén pode ser capturado con outras con artes de enmalle fixas como trasmallos e raeiras ou con nasas.

A delicada mestura de mar e carnosidade fan do boi un prato exquisito simplemente cocido. Das súas patas dianteiras obtemos as talladas máis saborosas e con elas podemos probar a facer un salpicón. Pódese facer un changurro, aínda que é máis frecuente facelo con centola.

Datos da especie

  • Código FAO: CRE
  • Nome científico: Cancer pagurus
  • Nome galego: Boi
  • Nome castelán: Buey de mar
  • Grupo biolóxico: Crustáceos
13 cm

Tamaño mínimo: 13 cm

Forma de medición: O boi medirase atendendo á máxima largura do cefalotórax medida perpendicularmente á liña mediana anteroposterior do cefalotórax (LARCT)