Argazo

Argazo
Ilustrador/a: Elisabet García Aires

É unha especie de alga parda atlántica que vive no infralitoral inferior formando extensos bosques submarinos de gran beleza sobre costas rochosas, limpas e batidas polas ondas. A parte comercial desta especie é a súa lámina palmeada, dividida en varias cintas, que nace dun longo, cilíndrico e liso estipe firmemente fixado ás rochas por uns rizoides. É unha especie perenne, pero a lámina renóvase a partir da zona de crecemento situada entre ela e o estipe. Pode chegar a medir ata tres metros de lonxitude.

As láminas dos exemplares adultos, os de mellor calidade, córtanse por enriba da súa base, como fai o propio mar nos fortes temporais, coa fin de non alterar estes vexetais submarinos. Recóllese a pé ou mediante mergullo en apnea ou con aire desde superficie. As extraccións realízanse normalmente en primavera e verán.

As cintas de argazo teñen un delicado sabor a mar e son de consistencia grosa e carnosa. Pola súa riqueza en ácido glutámico potencian o sabor dos alimentos cos que se preparan e teñen tamén gran capacidade espesante polo seu alto contido en fibra soluble (ácido alxínico). Son ricas en minerais como o calcio, magnesio e iodo, en proteínas e vitaminas. Cando se cociñan con abundante auga, se poden incorporar directamente deshidratadas. O tempo de cocción vai de 35 a 40 minutos.

Para ensaladas ou pratos crús, convén hidratala primeiro en auga fría uns 10 minutos.

Datos da especie

  • Código FAO: LAZ
  • Nome científico: Laminaria ochroleuca
  • Nome galego: Argazo
  • Nome castelán: Kombu
  • Grupo biolóxico: Algas

Onde atopalo