Maragota

Maragota

Esta especie posúe un corpo forte, cunha gran cabeza. Os seus beizos son grosos e carnosos, por onde asoman uns dentes moi fortes. Ten unhas escamas grandes e duras. Maragota e pinto son considerados dous morfotipos dunha mesma especie, aínda que estudos científicos falan da existencia de claras diferenzas nas súas características vitais, apuntando a posibles procesos de diverxencia xenética evolutiva. As maragotas terían tonalidades verdes e acastañadas e os pintos, vermellas con manchas brancas.

Atópase en litorais rochosos e pouco profundos e prefire vivir en augas limpas, das que escapa se se toldan. Normalmente captúrase ao trasmallo, nas "golfeiras" da costa. Ten unha alta cotización nos pequenos portos, que saben do seu valor. Captúrase durante todo o ano.

Debido á dureza das súas escamas, debemos escamala ben. Pode prepararse fritida –se non é das grandes– ou á brasa cunha pouca cebola, que lle dá un toque de sabor doce. Para quen non queira traballar moito, pódese poñer nunha bandexa e levala ao forno, logo de adubala. Tamén a pode facer en caldeirada (que era o prato típico do Nadal en Fisterra) ou guisada con pementos, chícharos e tomates.

Datos da especie

  • Código FAO: USB
  • Nome científico: Labrus bergylta
  • Nome galego: Maragota
  • Nome castelán: Maragota
  • Grupo biolóxico: Peixes
20 cm

Tamaño mínimo: 20 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal