Vostede está aquí

Guiso de choupa Imprimir

Guiso de choupa
Ingredientes
  • Dous quilos de choupas pescadeRías
  • Oito patacas de Galicia
  • 600 gramos de chícharos frescos
  • Un sobre de azafrán puro
  • Dúas cebolas do país
  • Un pemento verde
  • Pirixel
  • Tomates de rama de sabor doce
  • Dúas cenorias
  • Dous dentes de allo
  • Un chile
  • Unha folla de loureiro
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Medio vaso de chopo de viño de Rueda Solera
  • 2/3 de vaso de chopo de coñac
  • Un vaso de caldo corto de Robaliza pescadeRías
  • Unha culleriña de pemento agridoce de La Vera
  • Sal

Juan Carlos Alonso (www.gastronomiaenverso.es) enviounos esta receita dun rico guiso de choupas pescadeRías con patacas que a el lle trae gratos recordos da súa nai.

Limpar as choupas pescadeRías e cortalas en anacos pequenos. Adobalas a noite anterior con dous dentes de allo e pirixel picados, e comezar a guisar este prato de luxo total ao día seguinte.

Picamos as cebolas á brunoise e rustrímolas a lume baixo durante 7 minutos, cun chisco de sal. Cortamos o resto das hortalizas e reservamos. Cando a cebola estea lixeiramente dourada, engadimos os allos picados e refogamos durante dous minutos máis.

Incorporamos a cenoria, o pemento verde, un chisco de sal e continuamos rustrindo os ingredientes a lume baixo durante cinco minutos máis. Engadimos a folla de loureiro e medio chile en anacos, e seguimos a refogar un par de minutos máis.

Engadimos os tomates en anacos pequenos, e refogamos cinco minutos máis a lume baixo, incorporando un chisco de sal fino. Botamos a culleriña de pemento agridoce e refogamos durante un minuto a lume baixo.

Incorporamos o viño e subimos a temperatura do lume durante un par de minutos, refogando lentamente os nosos ingredientes. Engadimos o coñac e reducimos durante un par de minutos, subindo a temperatura do lume.

Chegou o momento do incorporar as choupas pescadeRías en anacos e de refogar os nosos ingredientes durante un par de minutos. Engadimos un pouquiño de sal e deixamos cocer a lume baixo durante 45 minutos, ou ata que estean tenras, sen botarlle pinga de auga nin de caldo de peixe.

Incorporamos as patacas e engadimos un pouco de sal fino. Subimos a temperatura do lume, incorporamos os chícharos e un vaso de caldo corto de Robaliza pescadeRías e, cando o guiso comece a ferver, engadimos un sobre de azafrán. Refogamos e mantemos o noso guiso cocendo a lume baixo durante vinte minutos máis. Finalmente, deixamos repousar o guiso de choupas pescadeRías cinco minutos antes de servir.

Compartir en redes sociais