Vostede está aquí

Empanada de xoubas Imprimir

Empanada de xoubas
Ingredientes
  • 800 gr. de fariña
  • 2 ovos
  • 1 kg. de xoubas pescadeRías limpas e sen cabeza, xa abertas en filetes
  • 3 cebolas
  • 1 pemento vermello
  • 1 anaco de fermento da panadería (do tamaño dunha noz)
  • 1 vaso de auga
  • 1/2 sobre de azafrán
  • 1 vaso pequeno de viño branco
  • Aceite de oliva e sal

Introducción

A tradicional empanada galega ten nesta receita unha das súas máis xenuínas versións, grazas ao incomparable sabor das xoubas do noso mar. Malia haber moitos modos de preparar tanto a masa coma o amoado, aquí ofrecemos un dos máis doados, e non por iso de resultado menos saboroso.

Elaboración

Para facer a masa, nun recipiente mesturamos a fariña, o ovo batido e engadimos a auga co fermento e o sal desfeitos. A continuación, amasamos os ingredientes até conseguir un resultado completamente uniforme. Unha vez logrado, facemos unha bóla coa masa e deixámola repousar durante unha hora.

Para o recheo ou amoado, como tradicionalmente se coñece, picamos a cebola e o pemento e pómolos nunha cazola ou tixola xunto co aceite. Unha vez sofrita a cebola, engadimos o viño, e o azafrán e deixamos reducir. A continuación, apartamos a cazola do lume e deixamos arrefriar.

Nunha superficie lisa, previamente enfariñada, estiramos a metade da masa que deixamos repousando e a continuación colocámola nunha fonte de forno, deixando un pouco de sobrante para despois pechar a empanada. Repartimos o sofrito de cebola e pemento por toda a superficie da masa. A continuación, colocamos as xoubas limpas, abertas e sen espiñas sobre a cama de cebola e pemento. Unha vez repartidas, estiramos a outra metade da masa para facer a tapa da empanada, reservando un pouco de masa para facer os adornos da superficie. Unha vez rematada a decoración, cun pincel pintamos cun ovo batido toda a empanada, o que fará que o resultado final sexa brillante.

Antes de metela ao forno, previamente quentado a 200 ºC, facémoslle un buraco no centro para que non se inche. Unha vez no forno, deixarémola cocer durante 20 minutos aproximadamente, ata que estea dourada. Unha vez lista, recoméndase deixar arrefriar durante outros 20 minutos antes de servila.

 

Compartir en redes sociais