Correa

Correa

O talo está constituído por pequenas vesículas de ata 2 ou 3 centímetros, das que na primavera brotan unhas longas cintas, chamadas correas, de cor oliveirada e consistencia dura que acadan 2 ou 3 metros de lonxitude e de 1 ou 2 centímetros de ancho. Coa chegada dos primeiros temporais do outono, as correas sóltanse e aparecen nas praias en grandes cantidades.

Atópase sobre as rochas da baixamar en zonas moderadamente batidas polas ondas. É abundante e chega a formar grandes extensións. Non existe recolección industrial. As poucas veces que se recolle faise de xeito manual nas baixamares ou aproveitando as que aparecen no outono sobre a ribeira.

Aínda que o seu uso segue a ser limitado, nos últimos anos está a popularizarse polas súas propiedades nutricionais, e empeza a coñecerse como xudía de mar, polo aspecto que adquire cando se corta en anacos, ou spaghetti de mar. Pódese preparar do mesmo xeito cás xudías. Nos guisos de peixe axuda a darlles un toque especial.

Datos da especie

  • Código FAO: HLZ
  • Nome científico: Himanthalia elongata
  • Nome galego: Correa
  • Nome castelán: Correa
  • Grupo biolóxico: Algas