Percebe

Percebe

Aínda que viva pegado ás rochas, é un crustáceo, non un molusco. A parte comestible do percebe ten unha pel moura e dura que remata nunha uña (cuberta de pequenas escamas) formada por varias pezas. O pedúnculo carnoso ou pé é o que lle permite adherirse ás rochas, onde vive, en zonas moi batidas. Forma grupos ou piñas. O percebe galego é máis groso e escuro ca o que vén de Marrocos e a uña é máis aguzada e avermellada e con menos placas ca o canadense.

Cóllense normalmente con raspas ou rasquetas e truel desde terra ou desde embarcación se o mar vai calmo e só en zonas nas que hai un plan específico de explotación aprobado pola Consellería de Pesca . Os capturados en Galicia ofrecen, sen dúbida, unha maior calidade ca algunhas pequenas partidas que chegan doutros países como os xa apuntados (Canadá e Marrocos) ou de Portugal. Isto débese á riqueza nutritiva das nosas augas.

Non hai moitas voltas que lle dar: cocidos, a ser posible en auga de mar, cunha folla de loureiro. Un pano enriba da fonte onde se sirvan axudará a mantelos á temperatura axeitada e a evitar a perda de humidade. Probe a ferver unhas patacas do país na auga onde os coceu e verá que sabor.

Datos da especie

  • Código FAO: PCB
  • Nome científico: Pollicipes pollicipes
  • Nome galego: Percebe
  • Nome castelán: Percebe
  • Grupo biolóxico: Crustáceos
1,5 cm

Tamaño mínimo: 1,5 cm

Forma de medición: O tamaño do percebe medirase polo diámetro maior da base do capítulo, á altura das placas inferiores (desde a base do rostro ata a base da carena). Cando se presente formando piñas, polo menos o 60% do peso da piña deberá estar constituído por exemplares que acaden o tamaño mínimo