Centola

Centola

O cacho da centola é triangular por diante e case redondo pola zona de atrás. Está cuberta dunha especie de espiñas. No bordo dianteiro presenta dous pinchos máis fortes. Posúe cinco pares de patas duras e longas. A súa cor é vermella parda e debemos recordar que a centola galega é máis escura ca a bretoa. Ademais, unha característica da centola das rías é que o seu cacho está cuberto por pequenas algas e arneiróns.

Vive na costa en fondos rochosos ou areosos. A centola é falsa, pois pode saír foleira (baleira) ou farol, e só os máis expertos saben escollela (disque un dos mellores métodos é observar os dous buratiños que ten agochados no abdome: se están "inchados" é que está chea). O período con máis garantía comeza en febreiro, a pesar de que, por razóns comerciais, se permitiu pescala antes do Nadal. A súa captura faise con nasas, miños e trasmallos.

Se as de Galicia son as máis caras, por algo é; se están en veda, saiba esperar en beneficio de todos. Cocida e cun coidadoso traballo manual, son un manxar de excepción. Pódese facer un changurro dándolle un golpe de forno ou un sofisticado pastel ou suflé, pero a nosa recomendación é volver ao clásico: cocidas.

Datos da especie

  • Código FAO: SCR
  • Nome científico: Maja squinado
  • Nome galego: Centola
  • Nome castelán: Centolla europea
  • Grupo biolóxico: Crustáceos
12 cm

Tamaño mínimo: 12 cm

Forma de medición: A centola medirase atendendo á lonxitude do cefalotórax (LCT) sobre a liña mediana que vai entre ambos rostra ata o borde posterior do cefalotórax