Golfo

Golfo

Alga parda formada por unha gran lámina de cor parda-dourada escura, que pode chegar a medir máis de 1,5 m. Ten na base unha estrutura semellante a unha raíz moi ramificada, da que emerxe un talo aplanado (ata 3 cm de ancho) e de lonxitude moi variable. Este talo é o nervio medio dunha gran lámina (con función similar ás follas das plantas) dividida en láminas máis pequenas e simétricas.

Medra no inverno e a comezos da primavera sobre as rochas do litoral inferior e, por debaixo do nivel da marea, en localidades moderadamente expostas ás ondas. Pode chegar ata os 25 metros de profundidade. É unha especie moi pouco explotada en Galicia. As pequenas colleitas que se fan teñen lugar nas baixamares, de xeito totalmente manual. Introduciuse en Galicia hai pouco tempo, posiblemente coa ostra xaponesa. Medra moito por baixo das bateas de mexillón.

O uso do wakame vai a máis nas dietas dos europeos. Cultívase sobre todo na Bretaña francesa, polo seu alto valor comercial. Isto débese as súas características: elevado contido en proteínas, vitaminas, minerais e oligoelementos, boa dixestibilidade, presenza de todos os aminoácidos esenciais e baixo contido en graxas e azucres asimilables. Pódese empregar como substituto ou acompañante das verduras e ensaladas, como guarnición, ou como ingrediente de diversos pratos e sopas, polo seu gusto, aroma e calidade como potenciador do sabor. Véndese deshidratada ou previamente escaldada e salgada, en láminas, en pequenos fragmentos (cut wakame) ou pulverizada. As algas secas rehidrátanse en auga e deseguida adquiren o aspecto que tiñan en fresco.

Datos da especie

  • Código FAO: UDP
  • Nome científico: Undaria pinnatifida
  • Nome galego: Golfo
  • Nome castelán: Wakame
  • Grupo biolóxico: Algas