Xurelo

Xurelo

Son peixes de corpo alongado, fociño afiado e boca grande –coma os ollos– e inclinada. Ten pálpebras transparentes, escamas pequenas e, como característica máis distintiva, a súa liña lateral, que está formada por escamas moi desenvolvidas con forma de "ese" estendido. A cor dos xurelos varía entre gris, verdosa e azulada no dorso con reflexos metálicos, e os costados son grises prateados e o ventre branco. Ten unha mancha negra detrás da cabeza á altura do ollo. Acadan a madurez sexual ao segundo ano de vida (22 cm) e reprodúcense nos meses de verán.

Viven en fondos de area entre 100 e 200 metros de profundidade, achegándose á superficie durante a noite. Forman grandes bancos. Os maiores captúranse ao arrastre e os pequenos ao cerco. Tamén se usan artes de enmalle e, máis marxinalmente, a liña. É unha das capturas típicas das frotas galegas de cerco: Sada, Malpica, Portosín...

É unha gran riqueza dispoñer no noso mercado dun peixe fresco a baixo prezo. Os pequenos pódeos facer simplemente fritidos ou en escabeche logo de fritilos; os medianos, co seu equilibrado punto de graxa, á brasa; e os grandes (xurelas), ao forno coa gornición axeitada. Próbeos fileteados e pelados ou aplíquelles un guiso. E non esqueza que os xurelos poden axudar en breve a que rexurdan os afumados na nosa cociña.

Datos da especie

  • Código FAO: HOM
  • Nome científico: Trachurus trachurus
  • Nome galego: Xurelo
  • Nome castelán: Jurel
  • Grupo biolóxico: Peces
15 cm

Tamaño mínimo: 15 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal