Choco

Choco

O corpo do choco é ancho e patelo, con expansións laterais en forma de aletas, e unha especie de triángulo sobre a cabeza. No seu interior ten unha cuncha longa e dura. Dotado de oito brazos e dous tentáculos, a súa cor varía dependendo do substrato onde habite.

Captúrase durante todo o ano con diversas artes: nasas, trasmallo, miños e artes de arrastre, francada, poteira, e o curioso sistema do "femieiro": nunha gamela lévase a rastro pola auga unha femia de choco. Cando os machos acoden ao reclamo, son pescados cravándolles unha espulla. É unha especie de extraordinario interese comercial.

En Galicia tomamos o choco na súa tinta cun pouco de arroz branco, pero a súa carnosidade admite outras preparacións, como pode ser á prancha cun leve mollo de aceite, allo e perexil. En Portugal tómano á prancha enteiro, cando é fresquiño, sen tan sequera eviscerar. Se quere optar polo tradicional, probe unha caldeirada para sorpresa dos máis clásicos. Á romana está tan ben ou mellor ca as luras.

Datos da especie

  • Código FAO: CTC
  • Nome científico: Sepia officinalis
  • Nome galego: Choco
  • Nome castelán: Sepia común
  • Grupo biolóxico: Cefalópodos
8 cm

Tamaño mínimo: 8 cm

Forma de medición: A lura, choco e especies afíns mediranse pola lonxitude dorsal do manto