Berberecho

Berberecho

O berberecho é un molusco (palabra que na súa orixe significa "mol") que ten as valvas ou cunchas de forma case circular. Posúe entre 22 e 28 costelas ben marcadas e vive en fondos lamacentos e de area fina próximos ás costas. Por causa da súa forma de corazón foi polo que, ao principio, se lle deu nome de "corazón comestible" (cardium edule).

Captúrase á man, con angazo ou sacho a pé firme, ou con rastro flotando. É moi abundante e provén, na súa maior parte, das extraccións en Galicia, aínda que existe unha pequena cota (case sempre en conserva ou conxelado) procedente de Holanda, Dinamarca e Portugal. Hai que ter tamén en conta que o berberecho ten dificultades á hora de resistir o transporte; polo tanto, hai que extremar os seus coidados e mantelo sempre en lugar fresco. Un berberecho aberto é un berberecho morto.

Simplemente abertos ao vapor e salpicados con limón (a quen lle gusten) ou como compañeiros de guisos con peixes, ao berberecho débeselle de dar o lugar de privilexio que merece na nosa gastronomía. Outras formas de cociñalos son con arroz, rustridos ou nunha típica empanada de millo, ao gusto da ría de Arousa.

Datos da especie

  • Código FAO: COC
  • Nome científico: Cerastoderma edule
  • Nome galego: Berberecho
  • Nome castelán: Berberecho
  • Grupo biolóxico: Bivalvos
25 mm

Tamaño mínimo: 25 mm

Forma de medición: O tamaño medirase medindo o eixe maior ou anteroposterior

Onde atopalo