Sardiña

Sardiña

Sardina pilchardus (Walbaum, 1792). Peixe de cor azulada, esvelta, con reflexos verdosos e prateados no ventre.Vive en augas superficiais, onde forma grandes mansíos que se aproximan á costa a finais da primavera e do verán. Poden chegar a medir ata 25 centímetros de lonxitude. A madurez sexual acádaa ao final do primeiro ano de vida (13 cm).

A época de desove da sardiña prodúcese na primavera e no verán. Habita en zonas costeiras, entre os 5 e os 50 metros de profundidade, aínda que no inverno se localiza en zonas máis profundas. As capturas abastecen os mercados de fresco e as industrias conserveiras e realízanse con cerco durante a noite. A súa presenza é variable segundo a época do ano. Neste momento está sobreexplotada e vanse adoptando medidas que aseguren o seu futuro nas augas galegas. Outro luxo do que só somos conscientes cando escasea.

"Por San Xoán, a sardiña molla o pan". O dito avísanos de cando a cantidade de graxa é a axeitada para asala á grella ao aire libre. Se ten tempo, probe unha empanada de xoubas, se pode ser en pan de millo, tipo Rías Baixas. Tamén se poden probar en escabeche tradicional galego, feito na casa, e gardalas en conserva para o inverno. Ultimamente estámolas descubrindo mariñadas, crúas en vinagre coma os bocareos. Cómpre non esquecer os afumados e a sardiña seca e salgada, que foron tradicionais na nosa terra. En filetes, rebozadas, é un novo sabor máis suave.

Datos da especie

  • Código FAO: PIL
  • Nome científico: Sardina pilchardus
  • Nome galego: Sardiña
  • Nome castelán: Sardina europea
  • Grupo biolóxico: Peces
11 cm

Tamaño mínimo: 11 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal