Ollomol

Ollomol

Peixe de corpo ovalado, co perfil superior da cabeza curvado. O fociño é curto e chato e os ollos grandes e de cor rosácea, igual ca o dorso, mentres que o ventre e os flancos son prateados.Posúe unha mancha negra no inicio da liña lateral, que nos ollomoles pequenos (panchiños) non se atopa. Poden chegar a medir 35 centímetros. Reprodúcense a finais do verán e presenta unha inversión sexual cando alcanza certa idade.

Viven en fondos de lama e cascallo, preto dos cantís rochosos. Os pequenos atópanse en augas pouco profundas (40 metros) mentres que os máis grandes chegan aos 300 metros. É unha especie moi cotizada, da que as maiores capturas se obteñen con palangre e liña. Tamén se poden pescar ao arrastre ou, ocasionalmente, ao trasmallo a certa profundidade.

É un dos peixes máis apreciados na nosa terra. Incluso forma parte de moitos menús típicos do Nadal. Pode preparalo dun xeito habitual pero eficaz: ao forno, con cebolas cortadas en xuliana, un pouco de viño e un chorriño de limón... sen esquecer as patacas. Terá un prato sinxelo e exquisito. Os pequenos poden fritirse ou darlles calquera tratamento de peixe miúdo. Outra alternativa é á prancha, con sal, aceite e limón, botándolle, antes de servilo, un rustrido feito ao gusto de cadaquén.

Datos da especie

  • Código FAO: SBR
  • Nome científico: Pagellus bogaraveo
  • Nome galego: Ollomol
  • Nome castelán: Besugo
  • Grupo biolóxico: Peces
35 cm

Tamaño mínimo: 35 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal