Maragota

Maragota

Esta especie posúe un corpo forte, cunha gran cabeza. Os seus beizos son grosos e carnosos, por onde asoman uns dentes moi fortes. Ten unhas escamas grandes e duras. A cor varía dependendo da idade, madurez, "estado emocional" e lugar onde habita. Polo xeral é marrón –vermella ou parda– verdosa, con numerosas pintas de pequeno tamaño. A cor é tan variable que incluso se chega a considerar que hai dúas clases: o pinto e a maragota. As maragotas terían tonalidades verdes e acastañadas e os pintos, vermellas con manchas brancas. A maragota acada a madurez sexual aos dous anos (16-17 cm).

Atópase en litorais rochosos e pouco profundos e prefire vivir en augas limpas, das que escapa se se toldan. Péscase ao trasmallo, nas "golfeiras" da costa, e tamén resulta ser unha peza moi cobizada polos pescadores afeccionados. Ten unha alta cotización nos pequenos portos, que saben do seu valor.

Debido á dureza das súas escamas, debemos escamala ben. Pode prepararse fritida –se non é das grandes– ou á brasa cunha pouca cebola, que lle dá un toque de sabor doce. Para quen non queira traballar moito, pódese poñer nunha bandexa e levala ao forno, logo de adubala. Tamén a pode facer en caldeirada (que era o prato típico do Nadal en Fisterra) ou guisada con pementos, chícharos e tomates.

Datos da especie

  • Código FAO: USB
  • Nome científico: Labrus bergylta
  • Nome galego: Maragota
  • Nome castelán: Maragota
  • Grupo biolóxico: Peces
20 cm

Tamaño mínimo: 20 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal