Lirio

Lirio

É unha especie de pequeno tamaño, cun corpo longo e estreito. A queixada inferior é prominente e carece de papada. Os ollos do lirio son moi grandes e a cor pode ser azulada, cincenta ou acastañada no lombo, cos costados prateados e o ventre abrancazado. A liña lateral é practicamente recta. Reprodúcese sobre todo no inverno, finalizando aproximadamente no mes de maio. Débese evitar chamarlle "bacalao" ou "bacaladilla", formas importadas do castelán e que inducen a unha confusión nada inocente.

O lirio é un peixe que vive a profundidades considerables, entre 100 e 3000 metros. Os exemplares máis novos atópanse máis próximos á costa, nas augas do noso litoral. É moi abundante e péscase con artes de arrastre. De forma ocasional captúranse exemplares grandes (50 centímetros) con palangres de fondo. Os que se pescan con esta arte teñen mellor presenza, textura e valor.

Como pode custar tan pouco e ser tan saboroso? É unha especie que empeza a ser apreciada comercialmente. A súa carne é branda e delicada, polo que se debe coidar moito a manipulación e a frescura. Véndese en fresco, enteiro ou limpo e sen espiñas. Rebóceo en fariña e ovo e bóteo na tixola con aceite de oliva moi quente. E goce del acompañándoo da súa gornición favorita. Ten de seu un enorme valor culinario e non precisa que se faga pasar por bacallau pequeno.

Datos da especie

  • Código FAO: WHB
  • Nome científico: Micromesistius poutassou
  • Nome galego: Lirio
  • Nome castelán: Bacaladilla
  • Grupo biolóxico: Peces
18 cm

Tamaño mínimo: 18 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal