Faneca

Faneca

Posúe unha mancha escura no comezo da aleta peitoral. O corpo é máis forte polo dorso ca polo ventre; ten a queixada superior lixeiramente máis longa ca a inferior e a barbadela prominente. A liña lateral é moi curvada. A súa cor é cobreada no dorso, con catro ou cinco bandas verticais escuras. A súa lonxitude máxima é de 40 centímetros, pero raramente excede dos 20 centímetros. Reprodúcese a profundidades de 50 a 70 metros durante os meses de abril a maio e madura no primeiro ano de vida.

Vive próxima ao fondo formando bancos, mentres que os exemplares novos se atopan preto da costa en fondos areosos. Os exemplares de maior tamaño localízanse a profundidades de 30 a 100 metros. Péscase con trasmallo, liña, volanta e, ocasionalmente, ao arrastre. Úsase tamén a nasa fanequeira, prohibida no interior das rías.

A frescura é de novo un requisito fundamental: é un peixe moi delicado. Non hai moita discusión sobre a faneca: fritida, soa ou formando parte dunha fritura variada, é a fórmula máis atractiva. Acompáñea de ensalada e patacas e pasará un momento agradable con este pequeno pracer. Se é grande, tamén pode facela en caldeirada ou cocida cun simple chorro de aceite.

Datos da especie

  • Código FAO: BIB
  • Nome científico: Trisopterus luscus
  • Nome galego: Faneca
  • Nome castelán: Faneca
  • Grupo biolóxico: Peces
15 cm

Tamaño mínimo: 15 cm

Forma de medición: O tamaño medirase desde a punta da cabeza ata o extremo da aleta caudal