A Consellería do Mar reúne a mergulladores dedicados á navalla e ourizo para tratar posturas comúns de cara ao futuro

A Consellería do Mar reúne a mergulladores dedicados á navalla e ourizo para tratar posturas comúns de cara ao futuro

A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, organizará o IV Encontro de mariscadores de recursos específicos con técnicas de mergullo: navalla e ourizo o vindeiro venres 18 de novembro. Neste encontro, que terá lugar en Santiago de Compostela, participarán 60 mergulladores adicados á explotación de navalla e de ourizo pertencentes a 35 organizacións de toda Galicia.

O obxectivo deste encontro, que inaugurará a conselleira do Mar Rosa Quintana e clausurará a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, é tratar posturas comúns de cara ao futuro do sector. Deste xeito, o encontro servirá para intercambiar experiencias entre as diferentes entidades que traballan a navalla e o ourizo e debater temas de interese do sector.

Nas mesas de debate das xornadas abordaranse temas como é o plan de seguridade para traballos de recolleita de recursos mariños con técnicas de mergullo e as axudas da Consellería do Mar para proxectos presentados ante os Grupos de Acción Costeira. Por outra banda, nas mesas de traballo, trataranse temas como as medidas de xestión para unha explotación sostible do recurso e a seguridade da súa explotación.

A comercialización da navalla e ourizo será outra das materias a tratar nesta xornada. Neste sentido, abordarase a identificación dos produtos do mar de Galicia co selo de calidade pescadeRías e algúns mariscadores mergulladores exporán as súas iniciativas de cara á comercialización. Ademais, os participantes no encontro terán a oportunidade de coñecer o funcionamento do punto de control da agrupación de navalleiros de Cangas.